A Xunta amplía a capacidade dos sistemas de respaldo da información da Administración

Luns 15 de Abril de 2024

A Xunta amplía a capacidade dos sistemas de respaldo da información da Administración

O Goberno galego aproba un acordo marco para reforzar e ampliar o equipamento que posibilita a xestión das copias de seguridade de datos, expedientes e documentos que xestiona a Administración autonómica

O consello do Goberno galego autorizou hoxe un acordo marco que permitirá reforzar e ampliar a capacidade das plataformas que custodian as copias da información que xera a Administración autonómica. O novo contrato, cunha vixencia de catro anos, posibilitará a adquisición de software e compoñentes hardware quen integran estas plataformas para reforzar as capacidades actuais  e garantir a seguridade e do volume crecente de información que xestiona a Administración pública (expedientes xudiciais, educativos etc.) 

O contrato aprobado hoxe permitirá contar con varios provedores dos diferentes compoñentes das plataformas, que se adquirirán a través de contratos derivados en función das necesidades. O acordo ten un importe de licitación de 22,4 millóns de euros (IVE incluído).

O contrato dá resposta ás necesidades dunha administración intelixente cunha xestión dixital. As plataformas de backup son un elemento fundamental da administración dixital que garanten a conservación da información ante calquera incidencia. A Xunta ten distribuídas estas plataformas no Centro de Proceso de Datos (CPD) principal, na Cidade da Cultura, no Centro de respaldo de San Caetano e no CPD de Domingo Fontán.

 

Goberno intelixente

O reforzo das infraestruturas dixitais é fundamental para consolidar un goberno intelixente, un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EDG) que contempla diferentes actuacións ofrecer máis servizos públicos dixitais, seguros e dispoñibles. Entre os obxectivos intermedios neste ámbito da EDG está acadar no 2025 que o 70% das persoas e o 85% das microempresas usen a canle dixital coas administracións.