Modernización das redes
Avance
- Integración de 94 aulas de modernizacion e telecentros (Rede CeMIT) na RCXG: Provisión de accesos de comunicacións de banda ancha, puntos de acceso para conexións sen fíos e reparación de cableados estruturados.
- Ampliación de velocidade en centros educativos e aulas CeMIT: Nos centros onde a demanda do ancho de banda era elevada e a tecnoloxía do acceso o posibilitaba, foi incrementada a velocidade de 15 a 100 Mbps en 160 centros educativos e en 14 aulas CeMIT.
- Instalación de 50 accesos 3G de respaldo en centros educativos incluídos no proxecto educativo Abalar: Está prevista a provisión de accesos de respaldo con tecnoloxía diferente da liña principal co obxectivo de manter un bo nivel de servizo nos centros no caso de que se produza unha incidencia no acceso principal.
- Redución dos accesos de banda estreita: Nos últimos 3 anos, a Rede Corporativa foi incorporando as últimas tecnoloxías do sector, (IP-OFDM, 3G, MetroEthernet, Cable). Aproveitando as melloras nas redes de comunicacións que está a supor o Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia, a expansión das redes do Operadores de telecomunicacións, permitiu reducir os 473 centros con banda estreita en 2008 a únicamente 67 na actualidade (hai que ter en conta que a RCXG está integrada por 3.200 centros). Coa adopción de novos estándares de comunicacións e a constante mellora das redes será posible eliminar as conexións de banda estreita a curto prazo.
- Adaptación da malla troncal: Incorporación á rede troncal da Xunta de Galicia das últimas tecnoloxías de conmutación para un aproveitamento óptimo dos recursos dispoñibles, dotándoa dun nivel de seguridade adicional e unha maior segmentación da arquitectura de rede que permita un mellor illamento das distintas áreas e servizos que conforman e se prestan desde a Rede.
- Ampliación dos enlaces de agregación de 1 a 10 Gbps: Para poder soportar o aumento de velocidade que está a experimentar a rede de acceso da RCXG estase a cambiar a electrónica de rede implicada no proceso de intercambio de tráfico co operador de telecomunicacións. Por este motivo, ampliaranse os enlaces de agregación, o cal permitirá un mellor dimensionamento dos recursos e un ancho de banda moi elevado que permita a prestación de novos servizos a despregar.
- Anel entre San Caetano – CPDI – CST de 40 Gbps: Estase a levar a cabo a instalación de fibra óptica que permita a interconexión dos diferentes Centros Procesos de Datos das distintas administracións públicas galegas, o cal, suporá a posta en marcha de CPDs de respaldo nos centros administrativos de San Caetano e Conxo que maximicen a dispoñibilidade dos servizos despregados no ámbito corporativo con esta dobre replicación das infraestruturas no caso de fallo das principais.
- Rede de Xestión: Está en proceso a implantación dunha rede de xestión que proporcione un acceso de respaldo aos equipos críticos da RCXG e permita, nunha eventual incidencia das liñas de comunicacións troncais, o acceso aos equipos para o diagnóstico e resolución da mesma, acurtando notablemente aos tempos de resposta.
- Instalación de Sistemas de Alimentación Ininterrompida: Coa fin de mellorar a dispoñibilidade dos servizos proporcionados no ámbito da Rede Corporativa, estanse a instalar sistemas de alimentación ininterrompida cunha elevada capacidade e fiabilidade.
- Mellora da velocidade da rede de acceso da RCXG: A velocidade media da rede de acceso foi incrementada a máis do dobre nos últimos dous anos ( de 4,9Mbps en 2009 a 7,2Mbps en 2010 e 10,1 Mbps en 2011). Esta mellora posibilita a ampliación do número de usuarios conectados á rede e un acceso máis rápido e confiable aos servizos TIC despregados na RCXG.
- Actualización de tecnoloxías de acceso e instalación de liñas de respaldo en Xulgados: Considerando a natureza crítica das comunicacións nas sedes xudiciais, estase a levar a cabo a instalación de accesos de respaldo en tódolos centros para minimizar o impacto no caso de incidencias nas comunicacións dos mesmos.
- Sistema de Control de Acceso á RCXG (NAC): A SXMIT está a implantar un sistema de seguridade adicional para controlar o acceso á rede de telecomunicacións da Xunta. O proxecto, que se abordará por fases, terá un alcance inicial de 1.500 usuarios localizados no Edificio Administrativo San Caetano.
O sistema elevará considerablemente o nivel de aseguramento das comunicacións e permitirá verificar e validar con garantías as conexións de posibles usuarios e equipos á rede. Dito sistema complementará o conxunto de dispositivos e medidas xa existentes para avanzar cara unha rede máis segura fronte a un uso potencial que poida supor unha ameaza para a mesma e os servizos que soporta.
- Mellora de cableados estruturados: Está en proceso o subministro de cableados estruturados de comunicacións para a mellora das redes de área local nos edificios administrativos e xudiciais.
- Mellora dos sistemas de videoconferencia: Foi instalado un novo sistema de videoconferencia que permitiu a redución de custos en concepto de desprazamento de persoal, a optimización do tempo e dos recursos dispoñibles e unha mellora substancial na seguridade no ámbito xudicial.
- Sistema de control de acceso aos armarios de comunicacións: Desde a SXMIT estase a engadir un nivel de seguridade adicional aos sistemas de información instalando sistemas de control de acceso aos armarios de comunicacións. Dito sistema permitirá a apertura por control remoto dos armarios e salas de comunicacións baixo autorización previa do Centro de Xestión de Rede. Este proceso eliminará os accesos non autorizados a infraestruturas e equipamento corporativo, mellorando o nivel de seguridade global na Rede.
Para rematar, é importante destacar que a Xunta ten iniciado un proxecto para a posta en marcha dunha nova Rede de Emerxencias de última xeración que estará operativa en todo o territorio galego.
Por primeira vez a Administración autonómica disporá dunha rede propia que Integrará nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan nas emerxencias garantido a dispoñibilidade e a seguridade das comunicacións entre eles e mellorará a coordinación e a xestión das situacións de emerxencia e a eficacia e a calidade do servizo ofrecido ao cidadáns nestas circunstancias.
O número inicial de usuarios estimados entre efectivos de Protección Civil, Axega, Policía Autonómica, 112, dispositivos antiincendios, Grumir, bombeiros e 061 é de 5.000, que se prevé que cheguen aos 8.000 nun período de 3 a 5 anos.
Esta rede porase a disposición doutros organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo, deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias.
A rede contará cun investimento de 6,5 millóns de euros ata 2013 dos cales 4,5 serán achegados por red.es, e preto de 2 millóns pola Xunta de Galicia.