Xunta de Galicia

Telecomunicacións

TELECOMUNICACIÓNS

CPDI

Alcance
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica aglutina as competencias en materia tecnolóxica do Goberno galego e ten definida a súa estratexia en 2014.gal Axenda Dixital de Galicia. No marco dos obxectivos da Axenda o departamento autonómico decide crear o Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) da Xunta de Galicia, que centralizará as funcións dos máis de 80 Centros de Proceso de Datos existentes actualmente na Administración autonómica e que terá a súa localización no Edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Trala recente análise da situación actual realizada con motivo da elaboración da estratexia 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, detectouse unha situación crítica no estado actual dos Centros de Proceso de Datos da Xunta de Galicia, ó non dispor en moitos casos de instalacións que garantan a dispoñibilidade do servizo, con problemas de redundancia e seguridade, e incapaces de aumentala súa capacidade imprescindible para abordar os proxectos comprometidos polo goberno galego a través dos diversos plans de modernización da administración pública.

Todo isto fai que se considere de interese público abordar á maior brevidade posible o proxecto de CPDI co obxecto de garantir o correcto funcionamento dos sistemas de información que están adquirindo unha criticidade cada vez máis elevada, tendo a Xunta de Galicia a responsabilidade de asegurar unha maior dispoñibilidade dos Servizos Públicos Dixitais. Así mesmo, no contexto económico actual deberanse abordar coa maior inmediatez proxectos que redunden nunha clara redución de custes recurrentes, e a centralización das infraestruturas no CPDI permitirá unha importantísima redución de gasto en consumo eléctrico, así como en mantemento do equipamento ó abordar iniciativas de consolidación e homoxeneización da plataforma.

A consolidación dun Centro de Proceso de Datos Integral de infraestrutura TIC fará posible unha administración que funcione 24 horas ao día os 365 días do ano. Este é un dos obxectivos do Plan de Modernización da Administración autonómica que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que require dunhas infraestruturas tecnolóxicas que ofrezan todas as garantías para un correcto funcionamento e para ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns.

O novo CPDl integral constituirá o corazón dixital de Galicia contribuíndo a mellorar a competitividade, reducir custes, acadar unha mellor eficiencia enerxética, unha maior flexibilidade, interoperabilidade e seguridade así como unha simplificación da xestión e unha homoxeneización da estratexia tecnolóxica da Xunta.

Punto de Partida
A creación dun Centro de Proceso de Datos Integral xurde da necesidade de mellorar a situación actual con máis de 80 CPDs, que na súa maioría carece de capacidade de crecemento para afrontar a demanda de proxectos TIC precisos para mellorar a eficiencia da Administración galega.

Na actualidade cada organismo dependente da Xunta de Galicia conta con un ou varios Centros de Proceso de Datos (CPDs) que xeralmente non teñen as instalacións que garantan a dispoñibilidade do servizo. A maioría con limitacións para o seu crecemento e sen políticas corporativas de calidade, seguridade e dispoñibilidade, o que redunda nunha dotación de infraestruturas heteroxénea e nunha ineficiencia no gasto TIC.

Pódense distinguir 2 tipos de CPDs: os CPDs principais das Consellerías e organismos autónomos, repartidos entre 37 CPDs ubicados en Santiago de Compostela ou nas proximidades, e os CPDs periféricos que dan servizo ás distintas dependencias da Xunta de Galicia no resto do territorio.

Coa creación do CPD Integral proporcionaranse tanto os servizos que viñan prestando o resto dos CPDs da Xunta de Galicia, como outros novos. No caso dos CPDs principais das Consellerías e organismos autónomos, migrarase todos os servizos, mentres que no caso dos CPDs periféricos migraranse aqueles servizos que se podan executar de xeito remoto, xa que hai determinadas aplicacións que so poden funcionar en local.

O CPDI ofrecerá vantaxes en canto a aforro, servizos e instalacións:

Aforro
Unha vez integrados todos os servizos no novo CPDI acadarase un importante aforro na factura eléctrica grazas á redución dun 50% do custo enerxético por metro cadrado coa nova plataforma tecnolóxica e dun mínimo dun 27% do gasto anual da factura dos CPD actuais.

Ademais, producirase un aforro anual moi significativo no custe de infraestruturas tecnolóxicas grazas á redución dun 30% das necesidades de investimento en hardware e dun 30% no mantemento do mesmo. Por outra banda, a reorganización dos espazos liberados nos edificios administrativos da Xunta tamén posibilitará aforros de relevancia.

Por outra banda, produciranse aforros derivados da homoxeneización das distintas plataformas e mellorarase dun xeito moi significativo a capacidade de crecemento das infraestruturas, así como a dispoñibilidade dos servizos ao dotar ao CPDI de todos os elementos necesarios para manter o servizo: grupo electróxeno, sistemas de alimentación ininterrompida, acometidas eléctricas e de telecomunicacións redundantes, sistemas de refrixeración redundantes, extinción de incendios, etc.

Servizo a cidadáns e entidades públicas
O Centro de Proceso de Datos Integral dará servizo a preto de 2,8 millóns de cidadáns; máis de 1.260 centros administrativos; 1.400 centros educativos; 600 centros sanitarios; 322 entidades xudiciais e 1.500 oficinas de farmacia así como a 91.000 empregados públicos, entidades e organismos autónomos dependentes da Xunta e incluso a outras entidades públicas como deputacións, concellos ou universidades.

Instalacións
O novo CPDI ocupará un espazo no Edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura. Habilitaranse as áreas de operadores, reparación e montaxe, backups, comunicacións, operadores área de acceso, de proceso de datos, a área técnica e a zona visitable.

Ademais, o CPDi ten uns requirimentos moi esixentes en canto á dispoñibilidade e infraestruturas redundantes, algo que a Cidade da Cultura xa ten contemplados dende a súa concepción.

Aprovéitase por tanto esta ubicación para amosar a cultura tecnolóxica de Galicia ao resto do mundo, aproveitando as especiais condicións que require unha instalación tan complicada como é un CPD para toda a Xunta de Galicia. Todo isto aproveitando un espazo sen utilizar e para o que non se tiña previsto ningún plan (nos sotos do edificio administrativo do Gaiás).

As Tecnoloxías da Información e as Comunicacións constitúen unha peza fundamental da cultura do século XXI, e Galicia quere amosar a través da Cidade da Cultura a súa xoia tecnolóxica máis relevante: O corazón dixital de Galicia porá á nosa Comunidade á altura tecnolóxica do futuro.

 

COMPARTIR ESTA INFORMACIÓN Volver Volver
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Menéame
  • Google Bookmarks
  • LinkedIn
  • Live
  • MySpace
  • Technorati
  • Tipd
  • Digg
  • Yahoo
  • Twitter
 
 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a