As redes de telecomunicacións constitúen o principal piar das infraestruturas da sociedade da información. O desenvolvemento en capacidade e extensión das infraestruturas de telecomunicacións será un factor clave para o desenvolvemento de Galicia.
Por iso, a nova Axenda Dixital de Galicia considera como unha liña estratéxica o establecemento dunha “Política de Telecomunicacións” que dea resposta a un dobre obxectivo:
- Garantir a integración de Galicia na Sociedade da Información, como un dos motores principais do desenvolvemento en Galicia, situándoa entre as rexións de referencia no desenvolvemento de novas tecnoloxías e infraestruturas de telecomunicacións.
- Mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía a través da modernización dos servizos e infraestruturas de telecomunicacións corporativas soporte dos sistemas e procesos da Xunta de Galicia.
O primeiro obxectivo acádase a través da execución das accións definidas no Plan Director de Banda Larga e potenciando o operador público Retegal, mentres que para acadar o segundo obxectivo deberanse modernizar as redes da Xunta, evolucionar a Rede de Investigación de Galicia, constituír un Servizo Integral de comunicacións de Emerxencias e impulsar o desenvolvemento do Fogar Dixital.
Dada a interrelación entre todas as iniciativas, é necesario considerar como un aspecto clave para o seu axeitado desenvolvemento, a necesidade de coordinación e cooperación de todos os axentes implicados que asegure un despregue das infraestruturas baseado na eficiencia e a cooperación, derivados dunha visión global das infraestruturas e da coordinación de todos os axentes implicados.
