SXMIT
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica configúrase como o órgano superior da Administración autonómica ao que lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.
Este departamento depende directamente do presidente da Xunta e nace con vocación de apoiar e dar servizo ás diferentes consellerías, buscando a calidade, racionalización das actuacións e a mellora da eficiencia na xestión das TIC.
A súa creación supón a constatación de que as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) constitúen unha ferramenta de alto nivel estratéxico polo seu potencial para impulsar a modernización da Administración pública, así como a súa capacidade para impulsar e soster o desenvolvemento social e económico de Galicia.
Para a consecución dos seus obxectivos, que non son outros que os expostos no programa e o discurso de investidura do presidente, é imprescindible a colaboración de todos os departamentos e organismos da Xunta.
Misión e obxectivos
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica debe asumir a evolución permanente das TIC da Xunta para mellorar a eficiencia e achegar a Administración ao cidadán e liderar a incorporación plena da sociedade galega ao mundo das TIC.
Isto tradúcese nos seguintes obxectivos:
- Promover un avance significativo de Galicia no marco da sociedade da información.
- Ordenar e homoxeneizar as actuacións en materia de TIC de toda a Administración galega (todos avanzando na mesma dirección), garantindo a seguridade da información e a interoperabilidade dos sistemas.
- Extraer o máximo aproveitamento das posibilidades das TIC como dinamizador económico, elemento clave de desenvolvemento sostible e xerador de aforros.
- Adaptar a Administración galega ás demandas sociais e aos requirimentos legais (Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos) en canto á Administración electrónica.
Principais funcións e actuacións
- Elaboración da estratexia tecnolóxica global da Xunta de Galicia, aliñada coas directrices políticas e de xestión emanadas da Presidencia da Xunta e do Consello. Isto suporá a elaboración e mantemento actualizado do Plan estratéxico tecnolóxico global da Xunta de Galicia.
- Supervisión da adaptación da estratexia tecnolóxica global ás necesidades operativas de cada consellería. Para iso, a SXMIT coordinará e supervisará a elaboración dos respectivos plans operativos de cada consellería en materia TIC, que deberán adaptar a estratexia global aos ámbitos de responsabilidade de cada departamento.
- Dirección global das TIC da Xunta e mantemento permanente da visión global das actuacións tecnolóxicas na Administración galega.
- Busca da eficiencia e do aforro de custos das TIC debido a:
- O factor de escala na adquisición de bens e servizos.
- A racionalización das actuacións tecnolóxicas: evitar dispersións e duplicidades de sistemas, xestionar os inventarios e mantementos...
- Supervisión do avance dos diferentes proxectos e do cumprimento das directrices tecnolóxicas globais por parte dos responsables tecnolóxicos de cada consellería.
- Deseño e posta en marcha, en colaboración cos demais órganos competentes, de medidas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia.
Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica
15781 San Caetano s/n - Santiago de Compostela
Tel.: 981 545 271 - Fax: 981 545 274
Correo-e: sxmit@xunta.es