Xunta de Galicia
Manuel Gago, xornalista e profesor na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela

Dez anos da Wikipedia e dun novo concepto de cultura

Valoración            (12 votos)
Manuel Gago, xornalista e profesor na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela | 31/01/11

Jimmy Wales, fundador da Wikipedia, confesou sentirse abraiado ao final da última campaña de recadación de fondos para o mantemento da Fundación Wikimedia, soporte institucional da Wikipedia. A campaña de captación de doazóns obtivo no 2010 dezaseis millóns de dólares (uns doce millóns de euros) en só cincuenta días: nese breve espazo de tempo, o banner replicado millóns de veces nas páxinas da Wikipedia no que se vía a un Jimmy Wales fitando fixamente ao usuario, conseguiu impactar na conciencia de todos os usuarios que, inevitablemente, pasan pola Wiki case a diario.  A cifra obtida non só non estaba nada mal, senón que dobraba á recadada no exercicio do 2009 e confirma un dato: un número crecente de usuarios consideran de tal valor a Wikipedia que están dispostos a pagar para soster a súa estrutura e funcionalidades.
 
En pleno debate sobre restricións e accesos aos contidos culturais en Internet, este éxito de financiamento voluntario da Wikipedia permítenos albiscar un novo modelo de futuro de xestión e financiamento dos contidos dixitais, distinto sen dúbida ao actual; deste novo modelo económico, que parece sustentable e que aínda se atopa nunha fase de adolescencia, dedúcense importantes cuestións sociais sobre a relación entre contidos, consumidores e usuarios. Débenos facer reflexionar sobre o papel de Internet como axente transformador da cultura, non só nos nosos hábitos de consumo senón, sobre todo, no xeito en que construímos e intercambiamos coñecemento.

Lembro hai xa uns cantos anos, cando a Wikipedia comezara a entrar no imaxinario popular e mediático: o impacto da enciclopedia entre os creadores culturais era moi diverso. Desde o entusiasmo de algúns (os menos) ata a preocupación e a crítica por parte de moitos, máis preocupados en resaltar os erros ou manipulacións de documentos que a súa utilidade en miles de artigos. O que subxacía era o puro centro da transformación da cultura. A principal crítica era Quen son os da Wikipedia? Con que autoridade afirman o que afirman? O principio de autoridade foi e segue a ser un elemento básico da circulación do sistema cultural e científico, pero nesa pregunta subxacía toda a transformación do espazo. Nin sabiamos quen eran, nin ninguén investigou os seus coñecementos previos e os autorizou a publicar o seu contido. A desintermediación que caracteriza a penetración de Internet en cada sector social esceníficase nun produto que representaba a propia esencia do coñecemento humano.

Co tempo, a Wikipedia estableceu un sistema de control máis elevado sobre os contidos e o sistema perfeccionouse; continúan a existir incorreccións e afirmacións insólitas, especialmente cando descendemos ao nivel máis micro do coñecemento, pero moitos usuarios aprenderon a ter unha noción máis crítica da consulta da información. Porque esa é a clave. O novo paradigma da información en Internet asume que o erro é parte do proceso de coñecemento e que a función prima sobre a perfección. Desde que Tim O’Reilly indicara no ano 2005 que no novo e nacente paradigma da web 2.0 os sistemas melloraban automaticamente cando se incrementaba a masa crítica de usuarios, a Wikipedia serve para comprender ese proceso. Se localizas un erro na Wikipedia, podes corrixir o artigo ou discutir sobre el. Cantos máis usuarios existen, a probabilidade de detección de erros e corrección é superior. O sistema retroaliméntase.

O segundo elemento polo que a Wikipedia é importante trátase da desintermediación. Aí toca moi profundamente a estrutura cultural de Galicia. Somos un país paradóxico: dispomos dunha feble, malia voluntariosa, industria cultural con dificultades antolóxicas para obter cotas de mercado que lle permitan medrar e gañar un público. Pero, sen embargo, contamos cunha inxente masa de voluntarios, divulgadores e creadores culturais en todos os ámbitos da cultura: as estatísticas sinalan que mesmo por riba da media no conxunto do Estado, e moito máis do que nos correspondería por estrutura social, económica e de poboación. Ninguén sabe explicar este curioso dato moi pouco valorado. Pero parte desa masa de voluntarios que operan, crean e difunden cultura sen retribución económica son responsables de que na Galipedia (a versión en galego da Wikipedia) se superen os 65.000 artigos en lingua galega, pero tamén que desde o 2007-2008 o ecosistema de contidos, sobre Galicia e en lingua galega, na rede, mediante blogs e outros contidos sociais, se multiplicara a dimensións antes insospeitadas. O auxe de redes privativas como Facebook reduciu de xeito indirecto a súa expansión, pero as contribucións a través de diferentes soportes seguen a ser fundamentais para crear un espazo para a nosa cultura e lingua que remate por beneficiar á propia industria cultural.

O terceiro elemento é, para min, o máis beneficioso de todos: a Wikipedia amosounos que a clave da cultura é compartir, transmitir, pasar de man a man; rescatando o concepto creado por Richard Dawkins, a cultura son memes que difundimos e facemos circular, que se transforman en cada paso. A irrupción de Internet provoca, lentamente, a transformación da leiriña cultural a un novo modelo no que a información debe circular en cantos máis puntos e do xeito máis aberto posible. O novo modelo nin sequera ten que ver, na miña opinión, con ideoloxías, senón con procesos, con formas de traballar. O autor adquire recoñecemento cando é capaz de facer transaccionar o seu contido, de comprender esas transaccións e intercambios e beneficiarse delas, de xeito directo e indirecto. Levo traballando máis de dez anos como xornalista cultural nunha gran plataforma de difusión cultural de Galicia, culturagalega.org, e neste tempo teño visto unha gran evolución nos axentes culturais: neste tempo, os autores, as institucións e as entidades están aprendendo, rapidamente, a construír o seu contido público especialmente para o intercambio. Quédanos moito por aprender: pero son profundamente optimista. Será a rede, cos seus altos e baixos, a que nos permita gañar públicos internos e foráneos para a cultura de Galicia. E moito terémosllo que agradecer á Wikipedia.

COMPARTIR ESTA INFORMACIÓN Volver Volver
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Menéame
  • Google Bookmarks
  • LinkedIn
  • Live
  • MySpace
  • Technorati
  • Tipd
  • Digg
  • Yahoo
  • Twitter

COMENTARIOS


 

Deixa teu comentario

Comentarios suxeitos a moderación antes da sua publicación


Aviso legal

En cumprimento do establecido na Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, informámoslle que, mediante o envío do presente formulario, os seus datos persoais quedarán incorporados e serán tratados nun ficheiro debidamente inscrito na AEPD, titularidade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) coa finalidade de poder tramitar o seu comentario. O Responsable do Ficheiro comprométese a tratar de forma confidencial os datos de carácter personal facilitados e a non comunicar ou ceder dita información a terceiros. Asimismo, informámoslle da posibilidade que ten de exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición sobre os seus datos de carácter personal mediante correo electrónico dirixido a lopd@xunta.es ou ben mediante escrito dirixido a: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

 
 

Ir a Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Ir a Turismo de galicia