Ninguén pon en dúbida o protagonismo das mulleres como parte activa do mundo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), tanto desde o punto de vista de creadoras, usuarias, responsables e mesmo como elemento motivador para a innovación.
Pero a muller non sempre tivo protagonismo neste campo, ou para falar con propiedade, o seu protagonismo non era coñecido.
Durante a maior parte da historia da humanidade as mulleres foron oficialmente excluídas da esfera científica e tecnolóxica, polo que cando se pensaba na presenza da muller nestes espazos, ata non hai moito tempo, se tiña unha sensación de baleiro.
E cando neste momento estamos devolvendo a visibilidade das mulleres na historia, vemos como sempre estiveron vinculadas á ciencia e a tecnoloxía, tanto como iniciadoras dos procesos, ou como usuarias e creadoras, a pesar de que poucas mulleres accederon a unha educación de certo nivel.
Por suposto que as dificultades non impediron grandes contribucións das mulleres á ciencia e a tecnoloxía tanto nos ámbito doméstico como institucional. Recalcando o doméstico pois non todas as achegas significativas teñen que facerse en laboratorios de Universidades ou centros de investigación. Moitas das grandes contribucións realizáronse de forma discreta con tarefas relacionadas coa termodinámica no uso do lume, coa botánica no coñecemento das propiedades de plantas e herbas, ou coa química no proceso de conservación de alimentos. A través da acumulación de experiencias, a observación e a sistematización dos coñecementos adquiridos, as mulleres chegan a desenvolver ferramentas e estratexias para intervir no mundo.
É precisamente nos campos das Tecnoloxías da Información e Comunicación e da Computación onde as mulleres sempre foron pioneiras.
Por exemplo, a tecnoloxía informática nace do seo do feminino, cristalízase na figura de Ada Bryon Lowelace. A súa nai puxo o empeño de educar a súa filla cientificamente, afastada das tendencias literarias do seu pai Lord Bryon. Grazas aos seus coñecementos soubo aproveitar as tarxetas perforadas, que se usaban para facer os complicados brocados na industria téxtil da época, para perfeccionalas e utilizalas na máquina analítica que acababa de construír o matemático Babbage.
Tamén Florence Nightingale, considerada a nai da enfermería moderna, é un bo exemplo de como aproveitar as tecnoloxías da información nunha época na que non existía a tecnoloxía. A súa acertada visión da utilización das técnicas na recompilación de información, no tratamento, a través das matemáticas, e na transmisión, contribuíron a reformar as condicións sanitarias nos hospitais e influír na sociedade conseguindo melloras sociais.
Por outro lado, as matemáticas Kay McNulty, Jean Jennings, Betty Snyder, Marlyn Wescoff, Fran Bilas e Ruth Lichterman levaron á práctica a programación da primeira computadora dixital electrónica, a ENIAC, creada entre 1943 e 1946 a raíz das necesidades de cálculo xurdidas na 2ª guerra mundial. Aínda que foron clasificadas como "sub-profesionais", posiblemente por unha cuestión de xénero ou para reducir os custos laborais, o certo é que este equipo, formado por hábiles matemáticas e lóxicas, contribuíu notablemente ao desenvolvemento da programación de computadoras. Nesa mesma época foron moitas, case 2000, as mulleres matemáticas, lingüistas, técnicas, computadoras que traballaron no servizo de intelixencia británico, na tarefa de descifrar o código secreto alemán Enigma, e simular unha máquina como a que utilizaba Alemaña para transmitir mensaxes cifradas durante a guerra.
Non podemos esquecer que o avance tecnolóxico na área TIC vai sempre parello á investigación matemática. Un dos grandes retos da humanidade foi e é o de manipular, almacenar, recuperar e transportar a información que temos do mundo no que vivimos. A gran capacidade que existe neste momento para facelo ten como consecuencia o gran progreso nos avances tecnolóxicos e por tanto enormes implicacións sociais. Pois ben, esta enorme capacidade actual ten como base científica as matemáticas xa que se basea en converter as sinais en díxitos. Tanto a información que está almacenada no disco duro dun ordenador, a que se transmite a través de Internet, cando se usa un teléfono, unha televisión dixital ou unha radio son números. Polo tanto as matemáticas están presentes en toda a tecnoloxía dixital, á hora de manexar a linguaxe dos computadores, en como transmitir mensaxes, como facelo de forma segura e en como almacenalos de maneira que ocupen menos memoria.
Era matemática a oficial estadounidense Grace Murray Hooper que participou na creación do primeiro ordenador dixital electrónico a gran escala, o UNIVAC I, e grazas a o seu carácter práctico, creadora do primeiro compilador, a semente para desenvolvemento do COBOL ou FORTRAN.
Poderíamos continuar esta larga lista de destacadas mulleres con personalidades da actualidade como a matemática Radia Perlman, coñecida como a Nai de internet, Anita Borg fundadora do Instituto de Mulleres en Tecnoloxía, ou Frances Allen, que recentemente visitou a USC dentro do programa Conciencia. Esta última converteuse en 2006 na primeira muller en recibir o Premio Turing (considerado por moitos como o Premio Nobel das Ciencias da Computación) grazas as súas contribucións que melloraron o rendemento dos programas de computación e aceleraron o uso de sistemas de computación de alto rendemento.
Pero a visibilidade de todas as mulleres que contribuíron notablemente ao desenvolvemento das TIC, necesaria pois serven como modelos positivos para as novas xeracións, so é un primeiro paso para continuar analizando o papel da muller na Ciencia e a Tecnoloxía.
A Sociedade da Información (SI), que se viu sustentada e impulsada coas TIC como instrumento, trae consigo inmensas oportunidades para a xeración, rexeneración e distribución da riqueza e do coñecemento, para diversificar e flexibilizar os usos do tempo e do espazo e para avanzar cara a modelos de sociedade máis incluínte e equitativos. Pero estas oportunidades tamén levan aparellado o risco de segregacións e fracturas sociais, culturais e económicas entre os países, os territorios, os colectivos e as persoas que os conforman ou os habitan.
E, xa que a sociedade da información ofrece a oportunidade de construír unha igualdade real entre homes e mulleres, para intervir significativamente na SI actual necesitamos analizar a relación das mulleres coa tecnoloxía. Para elo como primeiro paso, tendo en conta a relevancia que ten a xestión avanzada da información para o noso desenvolvemento persoal e profesional, é necesario un análise minucioso do papel das mulleres como usuarias das TIC. Dada a velocidade de evolución do sector TIC, a non integración das novas tecnoloxías na vida cotiá das mulleres provocaría un incremento insalvable da brecha de xénero.
A este respecto, segundo os estudos realizados sobre usos e habilidades entre a poboación de idades comprendidas entre os 10 e os 24 anos polo Observatorio e-Igualdad da Universidad Complutense de Madrid, esta xeración rompe a dicotomía tradicional: mulleres/tecnofobia, homes/tecnofilia, mostrando que en igualdade de condicións de acceso elas son usuarias tan, ou en ocasións incluso máis, avanzadas e “enganchadas” ás novas tecnoloxías. Non habendo tampouco diferenzas de xénero significativas respecto ás habilidades e aos usos das TIC, incluído aqueles máis avanzados.
Temos que aproveitar que estamos ante una xeración que fai un uso continuo das TIC como parte substancial e integral das súas vidas, ben como medio de comunicación, ocio, aprendizaxe ou consumo para pasar da sociedade da Información, que está ligada á idea de “innovación tecnolóxica”, á sociedade do Coñecemento que inclúe unha dimensión de transformación social, cultural, económica, política e institucional, así como unha perspectiva máis plural do desenvolvemento. E conseguilo é o obxectivo tanto de mulleres como de homes, en especial no concernente a como apropiarse destas tecnoloxías para darlles novos contidos e orientacións.
A presenza das mulleres na maioría dos campos da vida económica, social e política é cada vez máis ampla pero sigue sendo particularmente escasa na investigación científica e no desenvolvemento tecnolóxico.
Aínda que nos últimos anos produciuse un forte incremento do número de mulleres universitarias, chegando na actualidade a ser maior a porcentaxe de mulleres que terminan os estudos universitarios fronte ao dos homes, isto non implica unha participación igualitaria en todos os sectores profesionais. A baixa representación da muller no ámbito docente e investigador, sobre todo nos postos e cargos de maior prestixio e responsabilidade, demostra un desequilibrio, aínda imperante, na sociedade.
Deberíase realizar unha reflexión sobre o tipo de dificultades que fai que as mulleres abandonen ou non cheguen a estes cargos de responsabilidade. Todos debemos ser conscientes de que o esforzo social e persoal que se investiu na formación destas mulleres pérdese irremediablemente.
A solución á aínda máis baixa participación das mulleres no eido da tecnoloxía non é doada: é evidente que a educación recibida é un dos factores que incide no proceso de selección de estudos realizado polo alumnado, por iso, é preciso actuar xa nas escolas. O profesorado debe motivar aos seus alumnos e alumnas a interesarse pola ciencia e a tecnoloxía por igual, ten que transmitir unha mensaxe igualitaria e animar a nenos e nenas a facer aquilo para o que realmente valen, sen manter estereotipos de xénero que xa non teñen sentido.
As universidades teñen que ser unha fonte de coñecemento tecnolóxico da sociedade na que está inmersa. Pero tamén un referente, impulsando actuacións que fomenten unha igualdade na participación e representación en todos os ámbitos e tomando iniciativas adecuadas encamiñadas a aumentar o número, así como as súas contribucións, das mulleres na Ciencia e Tecnoloxía.
Cada vez son máis as mulleres en postos de responsabilidade directiva en empresas do sector TIC. As mulleres están formadas e cualificadas para ocupar postos de responsabilidade, e no ámbito das novas tecnoloxías homes e mulleres están ao mesmo nivel, quizais debido a que desde o principio se entra neste mundo sen condicionantes anteriores.
Temos que estar non porque teñamos que estar, temos que estar porque temos a capacidade para estar!
Volver
COMENTARIOS
Deixa teu comentario
Comentarios suxeitos a moderación antes da sua publicación
En cumprimento do establecido na Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, informámoslle que, mediante o envío do presente formulario, os seus datos persoais quedarán incorporados e serán tratados nun ficheiro debidamente inscrito na AEPD, titularidade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) coa finalidade de poder tramitar o seu comentario. O Responsable do Ficheiro comprométese a tratar de forma confidencial os datos de carácter personal facilitados e a non comunicar ou ceder dita información a terceiros. Asimismo, informámoslle da posibilidade que ten de exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición sobre os seus datos de carácter personal mediante correo electrónico dirixido a lopd@xunta.es ou ben mediante escrito dirixido a: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).