Desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) quero darlles a benvida a iMit (Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica), o portal web que ten como obxectivo o de converterse nun instrumento de comunicación, divulgación e promoción das diversas actividades que en materia de sociedade da información se realicen desde a Xunta de Galicia. Polo tanto, búscase que este espazo sirva de punto de referencia para a cidadanía dos plans e servizos propostos dende a Administración autonómica.
Os contidos incluídos nesta web reflicten cal é a estratexia da Xunta de Galicia en materia de promoción, desenvolvemento e difusión da sociedade da información, unha estratexia integradora e próxima á cidadanía que se plasma en todos os plans e documentos que aquí se recollen.
Neste sentido, iMit concíbese como a canle de comunicación acerca dos programas e proxectos que se están a levar a cabo por parte da Administración autonómica, así como doutra información de interese sobre convenios de colaboración, noticias ou actos que se poñan en marcha.
Este portal web é pois reflexo do traballo que o Goberno autonómico está a realizar neste campo e mostra como as tecnoloxías da información e a comunicación constitúen un dos seus eixes de actuación estratéxicos.
Na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia agardamos que iMit sexa nun espazo útil e próximo á cidadanía, que satisfaga as actuais demandas sociais en materia de sociedade da información e que sirva de punto de partida no impulso que o Goberno galego quere dar neste ámbito.
Mar Pereira Álvarez
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Volver