L6. Políticas de telecomunicacións
A Sociedade da Información baseada na democratización do acceso á información e ao coñecemento, constitúe cada vez mais un motor de crecemento e de xeración de riqueza. As sociedades e rexións máis avanzadas dun futuro inmediato van desenvolverse en torno á nova Sociedade da Información e do Coñecemento. Neste escenario, o desenvolvemento de infraestruturas de telecomunicacións convértese nun piar fundamental que posibilita o desenvolvemento da Sociedade da Información.
As infraestruturas de telecomunicacións constitúen a canle de acceso de cidadáns e empresas aos servizos avanzados da Sociedade da Información, e é por iso que resulta necesario dispor dunha rede destas infraestruturas moderna e sustentable que garanta o acceso a novos servizos e que contribúa así ao desenvolvemento económico e ao progreso do noso país.
Ninguén cuestiona que o pleno desenvolvemento da Sociedade da Información só é posible se existen infraestruturas de telecomunicacións. Sen infraestruturas de telecomunicacións non hai Sociedade da Información e, por tanto, limítase enormemente o crecemento económico do sector empresarial, a modernización da administración pública, a evolución dos servizos que esta debe prestar á sociedade, e a mellora do nivel de vida por parte dos cidadáns.
O impulso das infraestruturas de telecomunicacións para dar soporte á Sociedade da Información é outro dos obxectivos da presente Axenda Dixital.
Obxectivos
- Garantir o acceso á Sociedade da Información a toda a sociedade galega, como un dos motores principais do desenvolvemento en Galicia, situándoa entre as rexións de referencia no desenvolvemento de novas tecnoloxías e infraestruturas de telecomunicacións.
- Mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía a través da modernización dos servizos e infraestruturas de telecomunicacións corporativas soporte dos sistemas e procesos da Xunta.
Enfoque e aspectos clave
O primeiro obxectivo acádase a través de tres liñas de actuación:
- Execución das accións definidas no Plan Director de Banda Larga que garantan a cidadáns e empresas de todo o territorio o acceso a servizos de banda larga de calidade (mínimo 2Mbps/512Kbps) a uns custos axeitados.
- Transformar o modelo de negocio de Retegal cara a un novo modelo no que Retegal constitúese en operador de telecomunicacións que proporciona servizos de conectividade tanto a administracións públicas coma a operadores privados e que actúe como operador neutro.
- Promover a localización en Galicia da Axencia Estatal de Radiocomunicacións e impulsar medidas que faciliten a implantación de operadoras con interese en investir no despregamento de infraestruturas en Galicia.
O segundo obxectivo desta liña, a mellora de servizos ofrecidos á cidadanía, instruméntase fundamentalmente a través das seguintes liñas de actuación:
- Mellorar as infraestruturas das redes corporativas soporte dos sistemas e procesos da Xunta, dotándoa dunhas maiores capacidades, dispoñibilidade e seguridade.
- Evolucionar a Rede de Investigación de Galicia (RECETGA) dende un modelo de rede baseado en aluguer de circuítos a un novo modelo baseado na adquisición de fibra, que dea resposta ás necesidades de capacidade e flexibilidade demandadas por universidades, centros de investigación, etc.
- Crear un Servizo de Comunicación de Emerxencias de Galicia que posibilite dispoñer dos medios axeitados para a resolución de situacións de emerxencias ou catástrofes, e evite os riscos de obsolescencia tecnolóxica e falta de mantemento das redes analóxicas actuais que prestan servizo a unidades como a D.X. de Montes e '061'.
- Apostarase decididamente por un programa de impulso do fogar dixital, prestando apoio directo ás familias galegas para o acceso a este novo panorama de servizos.
Dada a interrelación entre todas as iniciativas, é necesario considerar como un aspecto clave para o seu axeitado desenvolvemento, a necesidade de coordinación e cooperación dos todos os axentes implicados que asegure un despregamento das infraestruturas baseado na eficiencia e a cooperación, derivados dunha visión global das infraestruturas e da coordinación de todos os axentes implicados.