
Galicia quere ser un país cohesionado cuxos cidadáns e cidadás serán competentes tanto para utilizar contidos e servizos dixitais avanzados como, especialmente, para colaborar activamente na súa creación e desenvolvemento, e polos ao servizo do benestar individual e colectivo.
Se Galicia quere avanzar na vangarda da Sociedade da Información, é imprescindible que a súa cidadanía teña as competencias dixitais e a motivación necesarias para participar activamente no seu desenvolvemento.
As persoas necesitan aprender continuamente novas ideas e capacidades ou participar en actividades de formación permanente. Desta forma, esta capacidade de aprendizaxe poderá aplicarse a novas tarefas o que se traducirá en beneficios económicos e sociais.
Nesa tarefa as TIC abordan un papel dobre: por unha banda, ser un medio valioso para a aprendizaxe permanente ao longo da vida e, por outro, ser unha área en avance que esixe e facilita a mellora constante das competencias individuais.
O aproveitamento eficaz das oportunidades e vantaxes que ofrece a evolución tecnolóxica nos sistemas de información e comunicación non é posible sen un previo achegamento da cultura dixital á cidadanía galega. Neste contexto xorde a presente liña estratéxica da Axenda Dixital, coa finalidade de consolidar unha comunidade galega competente tecnoloxicamente que poida acceder de xeito igualitario aos contidos e servizos dixitais e participar activamente na Sociedade da Información.
Obxectivos
Enfoque e aspectos clave
O mundo actual está sometido a cambios e desafíos provocados polos desenvolvementos tecnolóxicos, ás relacións interculturais, á globalización económica e ao proceso de envellecemento da poboación. E a aprendizaxe ao longo da vida é a mellor forma de que as persoas poidan asumir os retos do cambio.
Do mesmo xeito, a aprendizaxe no ámbito tecnolóxico debe concibirse coma un proceso permanente a través do cal se adquiren e actualizan todo tipo de habilidades, coñecementos e competencias ao longo da vida, dende os primeiros anos ata despois da xubilación, xa que nunha sociedade tan cambiante e sometida a constantes ondadas tecnolóxicas, non é posible pensar que o aprendido de xove serva para sempre.

Polo tanto, no ámbito da cidadanía dixital é preciso evolucionar dende un enfoque tradicional “as TIC polas TIC: o obxectivo é introducir as TIC”, ao enfoque centrado no cidadán: “Quero estar máis capacitado para afrontar todos os retos da vida, e as TIC axúdanme a estalo”; e dun enfoque local: “illas de alfabetización dixital” a un enfoque global e integrado: “a alfabetización dixital é cousa de todos”.
Pero ademais, debemos ter presente que nunca eliminaremos o gasto que supón a alfabetización dixital se non facemos unha decidida aposta por definir estratexias dixitais no sistema educativo orientadas a crear “nativos dixitais”, que poñan freo á necesidade constante de alfabetizar dixitalmente á poboación galega.
Volver