Estratexia

AXENDA DIXITAL

Axenda Dixital de Galicia

Galicia marcouse como obxectivo, dentro do actual marco establecido polo Plan Estratéxico Galicia 2010-2014, o reto de converxer co horizonte europeo para 2020. Deste Plan xorde a Axenda Dixital de Galicia, como aposta pola definición dunha estratexia clara en materia de Sociedade da Información, que nos permita competir como rexión no novo mercado único dixital europeo definido pola Axenda Dixital para Europa e na nova economía do coñecemento, como camiño para unha recuperación económica sustentable.

Dentro do contexto da Axenda Dixital de Galicia, o último ano supuxo o arranque para  iniciativas básicas na creación de infraestruturas, como o Plan de Banda Larga ou o Centro de Proceso de Datos Integral, e a aposta decidida pola administración electrónica, impulsando un Decreto para o seu desenvolvemento en Galicia, desenvolvendo proxectos para a mellora de servizos públicos dixitais e fomentando e divulgando o uso do TIC, como a rede CeMIT ou o proxecto Abalar.

Axenda Dixital

A Axenda Dixital de Galicia enfróntase a un importante cambio de enfoque estratéxico: o seu obxectivo é pasar dunha sociedade que utiliza o TIC, a unha sociedade galega que se serve das novas tecnoloxías para xerar un crecemento sustentable, para mellorar as súas cotas de participación na toma de decisións e para contribuír á súa calidade de vida sobre a base do coñecemento. Para logralo, contará co impulso e a participación activa de todos os axentes implicados na Sociedade da Información.

Este enfoque marcouno a Comisión Europea, que deseñou unha estratexia para axudarnos a saír fortalecidos da crise e a converter á UE nunha economía que goce de altos niveis de emprego, de produtividade e de cohesión social. Este é o labor de "Europa 2020: Unha estratexia para un crecemento intelixente, sustentable e integrador" (Bruxelas, 3.3.2010 - COM(2010) 2020), que constitúe unha nova visión da economía social de mercado de Europa para o século XXI, propondo tres prioridades que se reforzan mutuamente: 

  • Crecemento intelixente: desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento e a innovación.
  • Crecemento sustentable: promoción dunha economía que faga un uso máis eficaz dos recursos, que sexa máis verde e competitiva.
  • Crecemento integrador: fomento dunha economía con alto nivel de emprego que teña cohesión social e territorial.

Neste contorno, Europa 2020 establece sete iniciativas para catalizar os avances en cada un dos temas fixados como prioritarios. Unha delas, consiste na definición da Axenda Dixital para Europa (Bruxelas, 19.05.2010 COM (2010) 245) que fai das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) a peza crave para que Europa consiga as súas ambicións para 2020.

Algúns dos eixos de actuación nos que se estrutura a Axenda Dixital para Europa co obxectivo de contribuír ao crecemento económico de Europa son os seguintes:

  • Servizos Públicos Dixitais: é necesario o desenvolvemento de novos e mellores servizos públicos dixitais, que reactiven a demanda e fagan explícitas as vantaxes da economía dixital e o goberno aberto.
  • Uso de internet, seguridade e confianza: Europa necesita unha Internet máis segura, na que os cidadáns sexan capaces de aproveitar todas as potencialidades a través dunha adecuada alfabetización dixital, especialmente dos colectivos máis desfavorecidos ou reticentes ao seu uso.
  • Fortalecer a competitividade do sector TIC europeo: hai que reforzar a competitividade do sector TIC apostando pola investigación, o desenvolvemento e a innovación mediante programas mellor adaptados ás especiais características das empresas do sector, especialmente as pemes.
  • Mercado Único Dixital: a UE debe crear un verdadeiro Mercado Único Dixital, soporte fundamental da economía do coñecemento en Europa, e promocionar de maneira activa os mercados europeos de contidos dixitais existentes, mediante solucións prácticas que impulsen novos modelos de negocio.
  • Infraestruturas: a UE debe contar con infraestruturas sólidas, máis rápidas e eficientes, especialmente respecto da banda larga e as redes de futuro. É necesario adoptar medidas concretas para superar a fenda dixital alcanzando o obxectivo do 100% de cobertura de banda larga básica para todos os cidadáns en 2013 e promover unha ampla penetración da banda larga de velocidade ultrarrápida en 2020.

Síguenos en

Facebook Twitter Flickr You Tube
Netvibes Delicious Issuu Rss
 

Temas relacionados

 

Destacados

OSIMGA
CDTIC
VolDixital
ReDe - Rexistro de demandantes
20121011_banner_entidades_colaboradoras
 

Axudas activas

Axudas 01
 
 
 

Ir a Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Ir a Turismo de galicia