
Alcance e obxectivos
Por medio desta certificación, a persoa titular pode acreditar, ante as instancias públicas ou privadas, as súas competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións, en materia de ofimática.
Así, as certificacións, coa vixencia que se determine, poderanse valorar como mérito ou establecer como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal e como base obxectiva para a promoción profesional, sempre de acordo cos termos que estableza a normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia.
A súa valoración en determinados procesos selectivos repercutiría directamente en aforro de custos (espazos físicos, infraestrutura de equipamento, RRHH técnicos de apoio etc.) para a Dirección Xeral de Función Pública e nunha maior axilidade e diminución de tempos na resolución do proceso. En paralelo o opositor reduce desprazamentos, con aforro de custos e tempos, e percibe unha imaxe de simplificación de trámites e coordinación entre departamentos.
Na xestión de listas de cobertura temporal de postos de traballo habilitaría, mediante a súa incorporación no baremo de elaboración específico, a definición dunha orde de chamamento máis óptima, especialmente naqueles corpos, escalas ou categorías profesionais nas que a posesión de competencias dixitais é básica para desenvolver o posto de traballo a cubrir, e onde os interesados non posúen puntuación algunha no apartado ofimático por non ter realizado o exame práctico correspondente no proceso selectivo asociado a cada lista en cuestión.
Volver