Accesibilidade web
Avance
Estas son algunhas das accións máis relevantes das emprendidas en materia de accesibilidade desde a Xunta de Galicia:
- Desenvolvemento web segundo as Directrices do W3C. A Xunta de Galicia é responsable da publicación de contidos nos seus portais baixo as directrices de desenvolvemento web do W3C e, polo tanto procura que a presentación de todos os contidos e funcionalidades esenciais da web sexa independente dos dispositivos físicos e navegadores web empregados para tal fin, e accesibles para navegadores adaptados a persoas con minusvalías ou limitacións sensoriais, motoras ou cognitivas. A política de accesibilidade aplicada pola Xunta de Galicia está aliñada coas esixencias do Real Decreto 1494/2007, de 12 de novembro, que aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social.
- Publicación das políticas web de accesibilidade e estándares W3C e de uso da linguaxe non discriminatoria nos contidos.
- Auditorías regulares, en colaboración co Observatorio de Accesibilidade Web (do Ministerio de Política Territorial y Administración Pública), para avaliar o grado de cumprimento en materia de accesibilidade dos portais da Xunta.
- Posta en marcha dun servizo de videointerpretación para persoas xordas. A Xunta de Galicia ten dispoñible un sistema de videointerpretación en lingua de signos que lle garante ás persoas xordas o acceso, en igualdade de condicións, ao 012, a liña telefónica que canaliza todas as consultas de información xeral que a cidadanía dirixe á Administración galega. Esta ferramenta, que está dispoñible na rede, pode usarse tamén, de xeito presencial, no Rexistro Xeral da Xunta en Santiago de Compostela e nas delegacións deste na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol, espazos nos que integra a maiores todos os servizos que se prestan habitualmente na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia. A prestación deste servizo por parte da Xunta de Galicia faise a través de BILDTEC, un sistema de videointerpretación simultánea desenvolvido pola Fundación Gátaca para facilitarlle a este colectivo a comunicación en Lingua de Signos Española (LSE) nas oficinas e sitios web de institucións públicas e en empresas con servizos de atención ao público.
- Reprodutor para a conversión de texto a voz online. A Administración galega desenvolveu unha ferramenta de reprodución de texto web a voz online que está dispoñible para todos os portais da Xunta de Galicia que queiran integrala como un servizo de audiocontidos.

Grazas ás actuacións sinaladas a web de Xunta de Galicia é, nestes momentos, a terceira máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas, segundo o último informe do Observatorio de Accesibilidade do Ministerio Política Territorial e Administración Pública. En pouco máis dun ano, entre xuño do 2010 e outubro de 2011, o portal corporativo subiu dez postos nesta clasificación.
O devandito Observatorio puntúa os portais en 3 niveis de cumprimento e tamén cunha nota media de 0 a 10. No último informe o portal da Xunta obtivo o máximo grao de cumprimento dos 3 niveis, e unha puntuación media dun 9 sobre 10.
