
O mundo actual está sometido a cambios e desafíos provocados polo desenvolvemento tecnolóxico, as relacións interculturais e a globalización económica, pasando dun modelo baseado na produción industrial a unha Sociedade da Información e do Coñecemento cambio que trae consigo transformacións que afectan á forma tradicional de pensar, actuar, aprender e de vivir. A aparición de novas oportunidades que derivan deste novo modelo social e a necesidade de adaptarse a elas é unha realidade innegable que non pode ser allea.
Neste contexto, Galicia precisa que a súa cidadanía adquira as competencias precisas tanto para utilizar contidos e servizos dixitais como para colaborar activamente na súa creación e desenvolvemento, de xeito que favorezan o benestar individual e colectivo.
Por tanto, para medrar de xeito efectivo no uso da Sociedade da Información é necesario facer unha aposta decidida por definir estratexias no sistema educativo que permitan crear “nativos dixitais” e por outra banda continuar coas políticas de alfabetización dixital e de formación continúa, un, modelo de aprendizaxe permanente ao longo da vida que facilita a mellora constante das competencias individuais.
Ademais, no ámbito xeral da sociedade debe apostarse por pasar dun enfoque local: “illas de alfabetización dixital” a un enfoque global e integrado: “a alfabetización dixital é cousa de todos”,un enfoque que responda aos cambios e desafíos provocados polos desenvolvementos tecnolóxicos, a un aprendizaxe ao longo da vida (“Lifelong Learning”) no que as persoas poidan asumir os retos do cambio.
Así, a aprendizaxe no ámbito tecnolóxico debe concibirse coma un proceso permanente a través do cal se adquiren e actualizan todo tipo de habilidades, coñecementos e competencias ao longo da vida, dende os primeiros anos ata despois da xubilación, unhas competencias dixitais que permitan facer uso das vantaxes que as novas tecnoloxías aportan na transferencia de coñecemento, nas relacións persoais e na mellora da empregabilidade.
Outro dos aspectos que contempla a presente liña de actuación reside na posta en valor da riqueza cultural de Galicia mediante accións encamiñadas a preservar a nosa identidade e dar a coñecer os aspectos específicos ou diferenciais que caracterizan á cultura galega difundindo dentro e fóra das nosas fronteiras, contidos que permitan descubrir Galicia, os seus.
Quérese apostar por un país “prosumer” cuxa cidadanía, empresas e institucións sexan capaces de manter unha presenza rica, dinámica e continua en Internet e nos dixitais, que permitan preservar e divulgar a nosa identidade. Un país aberto e hospitalario, un destino atractivo, ao tempo, pola súa economía innovadora.
En pleno auxe das redes sociais, preservar e divulgar a identidade cultural, patrimonial, lingüística e social do noso país pasa por converter a Galicia nunha rexión 2.0, favorecer o entramado asociativo, as iniciativas individuais e institucionais, unha rede de redes sociais – Galicia 2.0 – que dea cumprimento ao mandato da Unión Europea de promocionar a diversidade e a creatividade cultural das rexións que a integran.
En resumo, as apostas de futuro na materia descansan na capacidade das persoas para integrar as novas tecnoloxías na súa vida cotía xa que son unha potente ferramenta para o desenvolvemento individual, laboral e social das persoas. Por iso é necesario articular unha estratexia de aprendizaxe ao longo da vida esixida e facilitada pola evolución das TIC, que constará cando menos, das seguintes actuacións:
Para acadar estes obxectivos, a Axenda Dixital de Galicia debe liderar o tránsito dende unha sociedade que simplemente emprega as TIC a unha sociedade que xera crecemento sustentable e contribúa á calidade de vida sobre a base das novas tecnoloxías.