
Sede electrónica da Xunta de Galicia
A sede electrónica da Xunta Galicia, o enderezo web desde o cal se pode exercer, en condicións totalmente seguras, o dereito de acceso á información e a servizos públicos, crease e regúlase no capítulo II do Decreto 198/2010, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e púxose en marcha en setembro de 2011 (https://sede.xunta.es).

A canle web ten capacidade para tratar de consolidarse como canle principal de acceso á administración para os diferentes colectivos de cidadáns. Esta canle permite interactuar por medios electrónicos, durante todos os días do ano e as 24 horas do día, con todos os órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións relativas aos diferentes procedementos administrativos abertos por parte destes.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia pon a disposición da cidadanía e das empresas un punto de acceso único a partir do cal xurde unha nova forma de realizar as xestións públicas, sen condicionantes horarios nin de espazo, coa máxima seguridade e contribuíndo a un uso máis eficiente dos recursos públicos.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia é a titular desta sede; tamén é a responsable de elaborar e manter actualizada a relación dos procedementos e servizos que se poñen a disposición da cidadanía e dos empregados/as públicos/as nesta sede, así como dos contidos nela publicados.
Por outro lado, e como responsable da súa xestión tecnolóxica, correspóndelle á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica -órgano con competencias xerais en materia de desenvolvemento da Administración electrónica- a elaboración dos estándares, normas, especificacións técnicas e guías de estilo nas que se basean os servizos e páxinas integradas nesta sede.
De xeito progresivo fóronse incorporando á sede electrónica os mesmos servizos que o cidadán ten a súa disposición en calquera das ventás da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. No momento da publicación da sede electrónica en setembro de 2011 podíanse presentar de xeito electrónico 120 procedementos administrativos, a finais de 2011 o número supera os 200.
Volver