![]() |
O obxectivo do Plan, posto en marcha en 2010, é dotar de conexión á rede a toda Galicia a finais de 2013 |
![]() |
Desde 2010 reducíronse en 490.000 os galegos que carecían de cobertura respecto ao inicio do Plan |
![]() |
Aínda quedan 296.000 galegos sen acceso á rede aos que se posibilitará o acceso a este servizo coas actuacións postas en marcha |
![]() |
Este ano lanzouse a última liña do Plan, unha convocatoria de axudas de 1 millón de euros para dotar de cobertura vía satélite aos habitantes das zonas máis illadas |
![]() |
A Amtega ten en marcha un programa de axudas para que as familias con menos recursos poidan contratar o servizo de Internet no fogar |
En menos de dous anos máis de 63.000 fogares galegos se deron de alta en servizos de Internet grazas ás actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Desde o inicio dos despregamentos contemplados no Plan e ata o primeiro trimestre deste ano producíronse unha media 150 altas ao día no servizo de banda larga, o que supón que preto de 400 galegos poidan acceder á Rede. Estes datos poñen de manifesto a boa acollida dunha das iniciativas tecnolóxicas máis relevantes da Xunta para reducir a fenda dixital e impulsar o acceso ás redes máis modernas de telecomunicación.
O obxectivo do Plan é dotar de cobertura a toda Galicia en 2013. Con esta finalidade xa están en marcha todas as accións previstas no plan, priorizando o ámbito rural galego e impulsando ao mesmo tempo a extensión das redes de telecomunicación máis punteiras con velocidades de 100Mbps.
Un 61% máis de galegos con cobertura
A día de hoxe,son xa arredor de 490.000 os galegos que poden acceder á internet de calidade e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. Isto supón reducir en preto dun 61% a porcentaxe de galegos sen cobertura antes do inicio do Plan. Os despregamentos do Plan xa permitiron que o 90% dos galegos teña acceso a Internet fronte ao 70% de 2009.
A posta en marcha destas iniciativas conseguiu reducir a fenda dixital entre as provincias atlánticas e as do interior ata o 3,8%. Antes do Plan era do 15%.
Solución satelital para as zonas máis illadas
Para chegar ás zonas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, o Plan contempla a cobertura vía satélite. É a quinta e última actuación do Plan que se puxo en marcha este ano a través dunha convocatoria de axudas publicada a principios do pasado mes de xullo.
A Xunta, a través da Amtega e Agader investirá 1 millón de euros ata 2014 para facilitar a conexión a internet a máis de 2.100 familias e empresas situadas en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. Sufragaranse con ata 500 euros os gastos de instalación e equipamento do usuario para poder conectarse á rede a través de satélite. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.
Axudas para as familias con rendas máis baixas
O elevado custo da conexión é a terceira causa aducida en Galicia para non contratar o servizo de Internet no fogar. Por iso a Amtega puxo en marcha un programa de axudas para que as familias galegas con menos recursos económicos poidan contratar a conexión a Internet nos seus fogares.
O orzamento do programa para 2012 é superior aos 570.000 euros e están dirixidas a familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso aos operadores R e Telefónica como entidades colaboradoras na iniciativa. Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores á publicación da convocatoria de axudas.
O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe dunha cuota mensual será asumido pola entidade colaboradora.
Volver