![]() |
Di que Innova-Saúde é o exemplo ilustrativo de que “un dos alicerces nos que nos estamos apoiando para blindar a sanidade pública fronte á crise é precisamente a modernización dos seus centros de saúde e dos complexos hospitalarios” |
![]() |
Destaca que os 45 millóns do Plan permitirán poñer en marcha 14 iniciativas para mellorar a asistencia sanitaria pública, cun novo modelo de hospitalización e tratamento de procesos agudos que fomente, por exemplo, a hospitalización domiciliaria ou unha mellor organización das urxencias |
![]() |
Resalta que Innova-Saúde e o Programa Hospital 2050 proban que é posible, con esforzo, con dedicación e determinación, mellorar o sistema sanitario abordando a súa reforma para garantir a viabilidade e a sustentabilidade do sistema a medio e longo prazo |
![]() |
“Se hoxe podemos presentar aquí o maior plan de innovación sanitaria da historia de Galicia é porque fixemos os deberes a tempo e temos marxe económica para poder cofinanciar as políticas de innovación cos Presupostos Xerais do Estado”, asegura |
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, que “do mesmo modo que o gasto desproporcionado de onte nos conduciu á pobreza de hoxe, o aforro e a eficiencia pode dirixirnos de novo ao camiño da riqueza e ao camiño do benestar”. Deste xeito, Feijóo referiuse ao proxecto Innnova-Saúde, que máis aló de ser a presentación dun plan para a innovación da sanidade pública galega, afirmou, serve para consolidar esta idea e para desmentir tamén a idea de que as medidas de reforma que se están levando a cabo nos servizos públicos os poñen en cuestión, “senón que os fortalecen para poder seguir mellorándoos como facemos neste acto”.
Inmersos na necesaria revisión de ineficiencias, o titular do Goberno galego destacou que algunha xente pode crer que se está renunciando a introducir melloras no sistema, ao que asegurou que Innova-Saúde é o exemplo ilustrativo de que tal cousa é incerta “e de que un dos alicerces nos que nos estamos apoiando para blindar a sanidade pública fronte á crise é precisamente a modernización dos seus centros de saúde e dos complexos hospitalarios”.
“O demostramos ao poñer en marcha unha mellora completa das infraestruturas sanitarias, nesta lexislatura: tres novos hospitais –finalizar, equipar e poñer en funcionamento o complexo hospitalario de Lugo; construír un dos grandes complexos hospitalarios en España, o complexo hospitalario público de Vigo; iniciar a tramitación dun novo complexo hospitalario en Pontevedra- e licitar as dúas grandes reformas –a reforma do complexo hospitalario da Coruña e a próxima reforma do complexo hospitalario de Ourense-. O demostramos ao estender practicamente ao 100% dos cidadáns a historia e a receita clínica electrónica. E volvemos demostralo hoxe poñendo especial énfase na innovación, conscientes de que a tecnoloxía é a nosa principal aliada para facer máis sustentable o sistema de saúde”, subliñou.
Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que os 45 millóns de euros do Plan Innova-Saúde permitirán poñer en marcha 14 iniciativas para mellorar a asistencia sanitaria pública, cun novo modelo de hospitalización e tratamento de procesos agudos que fomente, por exemplo, a hospitalización domiciliaria ou unha mellor organización das urxencias. “Máis tecnoloxía para poder atender un maior número de pacientes con menos necesidade de gasto público por paciente”, aseverou.
Este plan, ao igual que o Programa Hospital 2050 que tamén se porá en marcha proximamente cunha dotación doutros 45 millóns de euros, proban para o presidente da Xunta que é posible, con esforzo, con dedicación e determinación, mellorar o sistema sanitario abordando a súa reforma para garantir a viabilidade e a sustentabilidade do sistema a medio e longo prazo.
Feijóo afirmou que “a cultura da responsabilidade, a cultura do sentido común e a cultura da eficiencia que intentamos, e creo que conseguido en boa parte, en Galicia desde fai anos non soamente está permitindo non ter que aplicar, con toda a súa intensidade, algúns axustes que han de facer outras comunidades; non só non foi unha rémora para o posterior desenvolvemento do noso país senón que estas políticas de reforma son a chave que nos permite ter unha situación financeira en Galicia máis solvente para poder, por exemplo, facer un esforzo económico sen precedentes en materia de innovación, en plena crise económica”.
“Se hoxe podemos presentar aquí o maior plan de innovación sanitaria da historia de Galicia, con 90 millóns de euros cofinanciados polo Goberno de España e pola Xunta é porque fixemos os deberes a tempo e temos marxe económica para poder cofinanciar as políticas de innovación cos Presupostos Xerais do Estado. Se hoxe podemos dicir que Galicia está aproveitando ao máximo o Fondo Tecnolóxico, ata o punto de que pasaremos do 5% de execución que nos atopamos, en 2009, ao 100% cando terminemos a lexislatura, é porque fixemos os deberes a tempo e temos unha economía máis saneada que a media das comunidades”.
Por último, Feijóo aproveitou a presenza do ministro de Economía e Competitividade para transmitir a convicción de que o Goberno central non só está a traballar para apuntalar os fundamentos do sistema sanitario, senón tamén para afianzalos de cara ao futuro. “O noso horizonte non pode ser a simple resistencia, nin o noso comportamento o dun país que se limita a soportar as dificultades herdadas. Todo iso sería propio dun país que se conforma, non dunha sociedade como a nosa que quere recuperarse e seguir camiñando”.
Pola súa banda, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, cualificou os programas Innova Saúde e Hospital 2050, como “dous grandes retos para o noso tecido industrial, dúas grandes oportunidades para o Sergas, para Galicia e para España”. Innova Saúde e Hospital 2050 abranguen 23 subproxectos que constitúen as liñas de traballo nas que o Sergas identificou necesidades clave, en consonancia co Plan Estratéxico 2014, e nas que financiará actividades de desenvolvemento de novos modelos e produtos para a mellora da calidade e sostenibilidade do sistema sanitario, e tamén para o desenvolvemento de novos produtos e servizos que poden dinamizar a actividade empresarial. “Queremos facer do sistema sanitario un verdadeiro motor de crecemento para economía galega, e impulsar con todos os axentes implicados”.
Tal e como sinalou a conselleira, os sistemas de saúde afrontan importantes retos na actualidade, o progresivo envellecemento da poboación, a pluripatoloxía e cronicidade, a integración e adaptación á nova ciencia, e un novo marco de relacións e de posibilidades de comunicación e de formas de traballar. Todo unido á necesidade de garantir a sostenibilidade e a solvencia da sanidade pública.
A tal efecto, o Sergas promove unha convocatoria aberta, dirixida a persoas físicas ou xurídicas que teñan vontade de participación e colaboración co Sergas, para o desenvolvemento destes proxectos, tanto na súa definición e alcance, como no desenvolvemento e innovación tecnolóxica no ámbito sanitario. Así, poderán facer propostas de solucións innovadoras como medio para identificar tecnoloxías e solucións de interese para os retos tecnolóxicos que se propoñen nos proxectos Innova Saúde e Hospital 2050.
Segundo explicou a conselleira no acto de hoxe, esta convocatoria, publicada nos diarios oficiais de Galicia, España e Europa, “é unha ferramenta para que todos, pacientes e usuarios do sistema, profesionais sanitarios, empresas, universidades e centros de coñecemento, nos axudedes a deseñar e construír a sanidade do futuro”. Mosquera anunciou neste eido a posta en marcha dunha páxina web (www.sergas.es/H2050-innovasaude) na que se pode atopar todos os detalles para participar na convocatoria e se poida aproveitar, deste xeito, as ideas e o coñecemento do noso sistema de I+D+i.
Volver