![]() |
Mar Pereira destacou que este proxecto demostra a capacidade dos profesionais galegos das telecomunicacións para competir a nivel internacional |
![]() |
A iniciativa pon de manifesto que a colaboración institucional permite que se poidan desenvolver iniciativas desta envergadura |
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, asistiu esta mañá ao acto organizado pola Universidade de Vigo con motivo do lanzamento do picosatélite Xatcobeo desde a Guayana francesa.
Mar Pereira sinalou que co lanzamento do Xatcobeo “demostramos o potencial dos profesionais galegos formados no sector das telecomunicacións para competir a nivel internacional e súa capacidade de innovación e de crear equipamento tecnolóxico de última xeración”.
Tras o lanzamento, que se produciu segundo o previsto, a secretaria xeral felicitou aos estudantes e profesores implicados no desenvolvemento do picosatélite así como ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Ademais, trasladou tamén os seus parabéns a INTA e todas as entidades que apoiaron o proxecto, desde o Goberno Central, a Axencia Espacial Europea e a propia Xunta de Galicia e Retegal, “demostrando que a colaboración entre institucións dá lugar a proxectos desta envergadura”.
Éxito académico e de investigación
Foi a Universidade de Vigo a que, en colaboración co Instituto Nacional Técnica Aeroespacial (INTA), puido desenvolver un proxecto punteiro, coordinando a 8 grupos de investigación, 30 doutores e 60 estudantes de postgrao.
A secretaria xeral sinalou que o Goberno galego é coñecedor do valor da investigación e do desenvolvemento de novas tecnoloxías e profesionais. Por iso a Administración autonómica aposta por proxectos como este, ao que contribuíu economicamente o operador público Retegal.
O primeiro picosatélite galego
XaTcobeo é un picosatélite que responde ao estándar de enxeñaría CubeSat, que permite a construción de satélites a baixo custe e en prazos breves, o que permite o acceso á tecnoloxía espacial para empresas e universidades.
Alumnado, docentes e investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, foron os responsables do traballo de deseño, desenvolvemento, fabricación e integración, levado a cabo durante case catro anos.
Pola súa banda, os investigadores do INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), ademais de supervisar as actividades levadas a cabo na Universidade, encargáronse de dar soporte na xestión e enxeñaría, desenvolvemento da carga útil de radiación e o mecanismo de despregue, así como dos ensaios.
Volver