Xunta de Galicia

Modernización premia 6 proxectos para desenvolver contidos en internet orientados á promoción cultural e á integración de colectivos con dificultades de acceso á sociedade da información

Punto contenido

O departamento autonómico destina máis de 46.000 euros para impulsar as iniciativas premiadas

Punto contenido

Búscase fomentar a creación de espazos innovadores e de calidade na Rede que contribúan ao desenvolvemento da sociedade da información

Valoración            (7 votos)
Santiago de Compostela | 14/09/10

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vén de premiar 6 proxectos para o desenvolvemento de novos contidos en Internet por un importe total de 46.000 euros. O departamento que dirixe Mar Pereira convocou estes premios destinados a particulares e asociacións non empresariais sen ánimo de lucro.

O obxectivo do departamento autonómico con esta convocatoria é fomentar a creación de espazos para a Rede que destaquen pola súa creatividade e calidade e que sirvan como elementos tractores no achegamento as novas tecnoloxías a todos os colectivos sociais da Comunidade Autónoma.

Colectivos con dificultades de acceso á Rede
Na categoría de contidos públicos en Internet orientados aos colectivos con maiores dificultades de inclusión na sociedade da información resultaron premiados dous proxectos, un da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e outro da Rede Social RaícesGalegas.org. Cogami recibirá 10.000 euros para o portal web da Accesibilidade http://accesibilidade.cogami.es, que ten como obxectivo ofrecer información sobre accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas tanto ás persoas con discapacidade, como ás organizacións públicas e privadas, aos arquitectos, aparelladores e profesionais que traballan informando e asesorando sobre estas materias. Ademais, a web busca conseguir unha participación colectiva da sociedade en xeral a través de foros públicos moderados por profesionais expertos na materia.

Pola súa banda, a Rede social RaícesGalegas.org, http://www.raicesgalegas.org fíxose con outro premio nesta categoría polo que percibirá 8.000 euros para avanzar neste innovador servizo de Internet, onde tanto os galegos que queren atopar aos seus familiares emigrados a outros países como os emigrados que buscan a familiares en Galicia dispoñen dun punto de reunión virtual.

Promoción da cultura
Na categoría de promoción do Patrimonio, Cultura e Lingua Galegas, foron premiadas cinco iniciativas. A web GalegoLab http://galegolab.org, que ten como finalidade a promoción de novas ideas de actuación a prol da lingua galega e a coordinación de recursos para o seu fomento, promoción e difusión na sociedade foi premiada con 10.000 euros.

Patrimonio cultural de Vigo (http://xosecounhago.com), que recibirá unha achega de 8.000 euros, é unha web divulgativa sobre o patrimonio e a cultura do Concello de Vigo, que inclúe abondosa información sobre arqueoloxía, etnografía, arquitectura civil e relixiosa deste ámbito territorial. A terceira iniciativa premiada nesta categoría con 5.000 euros foi QueroCaldo.org (http://querocaldo.org), unha rede social desenvolvida para a xeolocalización, descrición, avaliación e promoción de establecementos de hostalería e restauración especializados nos pratos típicos de Galicia, na cociña e a gastronomía tradicional galega existentes en diferentes partes do mundo.

Finalmente, a Asociación Cultural Arrincadeira recibirá 5.500 euros para a iniciativa Riotorto no Tempo Accesible na http://www.arrincadeira.eu, e conta coa colaboración dos veciños da localidade luguesa de Riotorto para recuperar a historia deste concello a través da creación dunha base de datos documental con fotografías xeolocalizadas.

Avaliación
En canto aos criterios de avaliación para a elección dos traballos premiados, o xurado valorou a posibilidade de emprego do traballo nas plataformas tecnolóxicas máis estendidas no mercado tanto de escritorio como móbil, utilizando os navegadores web máis empregados, a calidade e a claridade da documentación técnica e dos manuais de usuario. Tamén se terán en conta os aspectos funcionais, técnico-estéticos e psicolóxicos. Outro punto a valorar polo xurado foi o grao de innovación da idea, tanto no ámbito autonómico como no estatal ou mundial. A xeorreferenciación das imaxes e o emprego de licenzas libres e estándares abertos tamén puntuaron á hora de elixir aos premiados.

Fonte: Xunta de Galicia
COMPARTIR ESTA INFORMACIÓN Volver Volver
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Menéame
  • Google Bookmarks
  • LinkedIn
  • Live
  • MySpace
  • Technorati
  • Tipd
  • Digg
  • Yahoo
  • Twitter
 
 

Ir a Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Ir a Turismo de galicia