![]() |
Este organismo profesional recoñecerá esta implantación cun galardón de Proxecto Innovador |
![]() |
Facenda adíantase dous anos á obriga legal de pagar como máximo en 45 días |
![]() |
En xuño un 22,7% das facturas totais xa foron electrónicas e a porcentaxe sube cada mes |
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recoñecerá co premio na categoría de Proxecto Innovador ao sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia por considerar que cumpre con todos os condicionantes de innovación, tecnoloxía e servizo público requeridos.
Este organismo profesional, que suma preto de 300 colexiados, outorgará este galardón no marco da II Noite da Enxeñaría en Informática en Galicia, que acollerá o Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, o vindeiro 15 de outubro.
A Consellería de Facenda puxo en marcha este sistema electrónico o pasado 26 de febreiro para garantir o pagamento nun máximo de 45 días, 15 menos que o prazo legal vixente. Non obstante, conseguiu reducir a 21,75 días o tempo medio de pagamento das facturas aos seus provedores apenas catro meses despois da súa implantación.
O Executivo autonómico logrou adiantarse dous anos á obriga legal de pagar como máximo en 45 días, xa que neste momento o tope legal está fixado en 60 días. Do total de facturas que se están a tramitar un 14,1% son electrónicas, o que supón un 12,7% do importe total de facturación. Esta porcentaxe crece mes a mes, pois en xuño o 22,7% das facturas foron electrónicas, un 16,71% do importe global.
A Consellería de Facenda considera que con estes datos a evolución do sistema electrónico de facturación progresa en sintonía co obxectivo de que neste ano se acade que un 20% das facturas sexan electrónicas. Ademais, lembra que calquera provedor pode elixir entre presentar as súas facturas en soporte papel ou telemático.
Na actualidade 772 empresas presentaron xa facturas a través do sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia. Mediante este sistema se tramitan un total de 272,4 millóns de euros, dos cales, 34,4 millóns se corresponden con facturas electrónicas.
Despois da análise dos datos extraídos do sistema electrónico que está xa a funcionar en todas as consellerías, pódese constatar que o 89,33 das facturas electrónicas rexistradas no sistema son de empresas galegas. As porcentaxes distribúense do seguinte xeito: A Coruña representa o 67,09%, Pontevedra o 13,81%, Lugo o 8,42% e Ourense o 10,68%. A consellería resalta que estes datos demostran que os empresarios galegos están respondendo moi ben ao reto da facturación electrónica.
Facenda está impulsando o uso do sistema electrónico difundindo as súas vantaxes. Así, tras levar a cabo unha campaña de información a través dos medios de comunicación e outra de formación en colaboración coas confederacións de empresarios e cámaras de comercio, está a incidir nos beneficios deste modelo aos provedores que emiten aínda as súas facturas en papel.
A implantación desta medida enmárcase na estratexia global da Xunta de Galicia de acadar unha administración máis áxil, eficiente e cercana ao cidadán, un dos eixes do Plan Estratéxico 2010-2014-Galicia 2020.
Segunda fase do Sistema Electrónico de Facturación
Por outra banda, en datas próximas incorporarase ao sistema electrónico novas funcionalidades como a emisión de facturas electrónicas por parte da Administración e a conexión con outros sistemas de información que permitirá a incorporación de organismos dependentes da Xunta de Galicia.
Igualmente, posibilitarase a recepción automática de facturas dende os sistemas de xestión dos propios provedores e de grandes plataformas de facturación mediante tecnoloxías B2B (Businnes to Business), de xeito que non se precise a interacción nos procesos de envío de facturas e na consulta do estado dos trámites das mesmas. Neste senso, estase a traballar xa para a conexión cos sistemas de facturación das caixas de aforro e os bancos, o que permitirá recibir automaticamente as facturas daqueles provedores que teñan contratada o servizo con estas entidades e facilitar ademais servizos de confirming e factoring.
Volver