![]() |
Asegura que será unha infraestrutura unificada que dará resposta única a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros asistenciais e sanitarios, a 322 entidades xudiciais, a 1.500 oficinas de farmacia e a máis de 90.000 empregados públicos |
![]() |
Destaca que totaliza un aforro anual de 3 millóns de euros, reduce nun 50 por cento o custe enerxético de todos os aparatos informáticos, un 27 por cento o custe de consumo enerxético do CPDI, un 30 por cento os investimentos no mantemento, e outro 30 por cento nos gastos da Administración nesta materia |
![]() |
Salienta que coa implantación do CPDI e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica na Cidade da Cultura se amplía a súa utilidade e rendibilidade social, para converterse nunha plataforma tecnolóxica “única e completa” que permitirá garantir os obxectivos da Axenda Dixital 2014.gal |
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, manifestou hoxe que coa ubicación do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica nas dependencias da Cidade da Cultura, esta infraestrutura converterase no “corazón dixital de Galicia” porque acollerá tanto o persoal como a plataforma tecnolóxica da nosa comunidade. “Imos tentar facer dos sotos da Cidade da Cultura o corazón dixital de Galicia, unha infraestrutura unificada, flexible e que teña espazo para crecer, máis segura e totalmente centralizada”, subliñou.
Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, o titular da Xunta considerou que esta decisión “amplía a utilidade e a rendibilidade social da propia Cidade da Cultura”, posto que dotará á comunidade dunha plataforma tecnolóxica “única e completa” que permitirá garantir os obxectivos da Axenda Dixital 2014.gal. Ademais, insistiu en que incide na política de xestión eficiente que está a desenvolver o Goberno galego.
Con esta decisión conséguese, dixo, “adaptar Galicia ás posibilidades que ofrece a tecnoloxía do século XXI, garantir os servizos públicos dixitais e facer da Administración unha porta aberta 24 horas e 365 días ao ano”. “Estamos cumprindo os compromisos adquiridos: buscar unha nova imaxe para a Cidade da Cultura vinculada á tecnoloxía, á innovación e á modernidade”, abondou.
Unha infraestrutura unificada
Feijóo relatou que nestas instalacións non só van ter cabida as infraestruturas culturais, “que quedan absolutamente blindadas”, aseverou; senón, o departamento que lidera desde a Xunta de Galicia as tecnoloxías e a informatización do país, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, co que se centralizan os servizos de mantemento e atención ao usuario.
Segundo expuxo, neste momento a Xunta dispón de 80 centros de proceso de datos dispersos, dos que o 90 por cento xa non teñen capacidade de crecer e están afectados por problemas de refrixeración e de consumos excesivos de enerxía eléctrica que repercuten na súa calidade. Nesta liña, destacou os “aforros importantísimos” que suporá este traslado que, á súa vez, permitirá cumprir cos estándares de calidade.
A Cidade da Cultura será, nas súas palabras, “unha infraestrutura unificada que dea resposta única a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros asistenciais e sanitarios, a 322 entidades xudiciais e a 1.500 oficinas de farmacia”, precisou. Unha infraestrutura, agregou, que prestará servizo a máis de 90.000 empregados públicos, a outras administracións públicas ou universidades e, en definitiva, a toda Galicia.
Coa decisión de trasladar tamén ao persoal da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, segundo o presidente, a Cidade da Cultura centralizará a tecnoloxía e os tecnólogos que a atenden. É dicir, 150 persoas da secretaría, xunto cos centros de atención ao usuario e, en definitiva, toda a aposta tecnolóxica da Xunta de Galicia a través da Axenda Dixital 2014.gal.
O Centro de Proceso de Datos quedará situado nas plantas soto e na planta baixa do edificio de servizos centrais e o seu persoal ocupará, tamén, 1.277 metros cadrados do edifico do arquivo. “En total imos facer fincapé na posta en valor da Cidade da Cultura, en unir a Cidade da Cultura, o edificio de maior vangarda arquitectónica e cultural, probablemente de España, á aposta de vangarda tecnolóxica que ten a Xunta de Galicia coa súa Axenda Dixital 2014.gal”, reiterou.
Un decisión “eficiente” que propiciará un aforro de 3 millóns de euros anuais
Considerou que se trata dunha “decisión eficiente” porque totaliza un aforro anual de 3 millóns de euros. Reduce nun 50 por cento o custe enerxético de todos os aparatos informáticos, un 27 por cento o custe de consumo enerxéticos do CPDI, un 30 por cento os investimentos no mantemento, e un 30 por cento os investimentos nos propios aplicativos que está a consumir a Administración autonómica, así como os custes en alugueiros da Xunta de Galicia.
Así, subliñou que en oito anos se amortizará o cen por cento do custe do edificio de servizos centrais co aforro de 3 millóns de euros. E, no tocante ao arquivo, puxo de relevo que este aforro permitiría que en 10 anos se amortizase o cen por cento do seu custe. Segundo adiantou, o obxectivo é ir preparando a apertura da Cidade da Cultura para o último bimestre do ano coa posta en marcha dos dous primeiros edificios.
Volver