![]() |
Javier Guerra sinalou na inauguración das xornadas “Vindeira Capital Network” que o Goberno da Xunta é plenamente consciente de que as TIC son un potente aliado no desenvolvemento da competitividade empresarial” |
![]() |
A Consellería investiu máis de 9 millóns no fomento das TIC galegas no 2009, case un millón de euros máis que no exercicio anterior |
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, puxo hoxe a disposición do sector das TIC o novo fondo de capital risco Xes Innova, dotado con 2 millóns de euros, e que xa ten sido habilitado desde XesGalicia para apoiar especificamente proxectos innovadores.
Na inauguración das xornadas “Vindeira Capital Network”, Guerra lembrou que “o sector TIC é un obxectivo a ter moi en conta para as entidades de capital risco”. No caso de Xesgalicia, o Fondo Emprende está especialmente orientado a sociedades de nova creación, novas tecnoloxías, emprendedores ou proxectos de diversificación.
O Xes Innova, deseñado especificamente para apostar por proxectos especialmente innovadores impulsados por novos emprendedores, é unha iniciativa vinculada, nunha altísima porcentaxe, ao sector TIC. Ademais, o Fondo Emprende, cun aporte total de capital social de 54 millóns de euros, tamén pode resultar unha alternativa interesante a proxectos consolidados.
Neste sentido, o conselleiro sinalou que “Xesgalicia está en plena disposición de apostar especialmente, de forma inidiviual ou mediante investimentos compartidos, por participar en proxectos tecnolóxicos de investimento en Galicia ou en empresas galegas que aposten por internacionalizarse”.
Por outra banda, Javier Guerra lembrou que o departamento que dirixe tamén está a apoiar o desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e da comunicación dende ás empresas centros tecnolóxicos, equipos de investigación e plataformas tecnolóxicas centradas no desenvolvemento das TIC galegas. De feito, a Consellería de Economía e Industria, dende a Dirección Xeral de I+D+i, investiu no 2009 máis de 9 millóns no desenvolvemento destas tecnoloxías, o que supón preto de un millón de euros máis que no exercicio anterior.
Ademais, o Instituto Galego de Promoción Económica tamén se ten posto ao servizo dos proxectos solventes que empuxan o desenvolvemento desta industria, facilitando axudas que teñen permitido mobilizar préstamos por valor de máis de 1,5 millóns e investimentos por 3,4 millóns.
Segundo Guerra, “as novas tecnoloxías da Información e Comunicación son aliadas imprescindibles do desenvolvemento económico e social. Por iso, debemos entender que toda xestión responsable, xa sexa no ámbito público ou o privado, ten que afrontar o reto da modernización tecnolóxica como o que é: unha oportunidade para afianzar a solvencia das nosas empresas, comercios, industrias ou administracións”.
Volver