![]() |
O departamento autonómico achegará 8 millóns de euros á axudas para a empresa dixital e para o sector TIC |
![]() |
Outros 2 millóns de euros serán para o fomento do contidos dixitais e para as entidades sen ánimo de lucro |
![]() |
Esta mañá tivo lugar unha sesión informativa dirixida a todos os posibles solicitantes para abordar o alcance destas convocatorias |
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica desenvolverá este ano un programa de axudas á empresa dixital e ao sector TIC cunha dotación de preto de 10 millóns de euros. Este orzamento se reparte en catro liñas de actuación, das que dúas, a empresa dixital e o sector TIC concentran a maior dotación económica con 8 millóns de euros. Os dous millóns de euros restantes destinaranse ao fomento dos contidos dixitais e ás entidades sen ánimo de lucro.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, mantiveron unha xuntanza informativa esta mañá cos representantes das empresas do sector para abordar polo miúdo o alcance destas convocatorias e atender as dúbidas que puideran presentarse.
O departamento autonómico publicará proximamente as axudas para a empresa dixital e o sector TIC, cuxos borradores están dispoñibles desde finais de marzo na páxina web da secretaría http://imit.xunta.es, no apartado “Axudas”. Os borradores das convocatorias para o sector de contidos e as entidades sen ánimo de lucro estarán dispoñibles nesta mesma dirección nos vindeiros días.
Convocatoria para empresa dixital
O departamento que dirixe Mar Pereira, destinará 5.375.748€ a subvencionar proxectos de cooperación para o fomento da empresa dixital. As iniciativas que se presenten deberán abordarse desde a cooperación entre empresas e contar cun promotor que lidere o proxecto demandando novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, a lo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar eses servizos ou produtos. A tarefa de promoción ou liderado pode ser asumida por empresas ou asociacións empresariais, debendo traballar conxuntamente e acadar éxito no proxecto. Tamén deberán permitir que os socios tecnolóxicos poidan aplicar o coñecemento acadado a outros interesados do mesmo ou distintos sectores económicos.
A convocatoria de axudas contempla actuacións subvencionables, tanto na demanda empresarial en solucións TIC como na resposta tecnolóxica en solucións TIC. A primeira opción está orientada para que as empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. No segundo caso, as subvencións para a resposta tecnolóxica en solucións TIC está destinada a empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación para que poidan poñer en marcha novos produtos e servizos que resolvan tarefas, problemas e situacións concretas da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.
Axuda específica para o sector TIC
A Secretaría Xeral de Modernización potenciará o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información cunha achega de 2.550.000€. Esta convocatoria contempla dúas liñas de axudas, a das capacidades TIC, para que as empresas poidan ofrecer mellores produtos e servizos apoiando a certificación en normas de calidade e axudando na formación especializada do persoal nos medios de produción e ferramentas necesarias para o desenvolvemento do seu traballo; a outra actuación subvencionable é a dos desenvolvementos TIC, para que as entidades poidan desenvolver novos produtos e servizos que sexan propiedade do solicitante e que estean suxeitos a un pago por uso, licenza e adquisición ou posterior personalización por parte de terceiros.
Esta segunda liña de axudas terá en conta aqueles novas prestacións centradas en áreas tecnolóxicas e en actuacións que redunden en beneficio dos cidadáns. No primeiro caso, as iniciativas que se presenten deberán achegar novidades nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avance na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.
Os proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC deberán orientarse aos servizos sociais e sanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.); a educación, mediante ferramentas de creación de contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe on-line, plataformas de control do alumnado na aula, ou outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vencellados á Administración.
Pódese acceder á documentación normalizada ou a información adicional sobre ambas convocatorias de axuda na páxina web da secretaría http://imit.xunta.es, no apartado “Axudas”.
Volver