Xunta de Galicia

A Secretaría Xeral de Modernización destina preto de 8 millóns de euros a axudas para empresas do sector TIC

Punto contenido

O departamento autonómico achegará 2.550.000 euros para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información e subvencionará con máis de 5.300.000 euros proxectos que fomenten a empresa dixital.

Punto contenido

Estas convocatorias de axuda publicaranse no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días.

Valoración            (1 votos)
Santiago de Compostela | 04/04/10

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vai aprobar dúas convocatorias de axuda destinadas ao sector empresarial TIC por un importe de preto de 8 millóns de euros. Así se recolle en dúas resolucións que se publicarán no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días.

Convocatoria para empresa dixital
O departamento que dirixe Mar Pereira, destinará 5.375.748 euros a subvencionar proxectos de cooperación para o fomento da empresa dixital. As iniciativas que se presenten deberán abordarse desde a cooperación entre empresas e contar cun promotor que lidere o proxecto demandando novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, a lo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar eses servizos ou produtos. A tarefa de promoción ou liderado pode ser asumida por empresas ou asociacións empresariais, debendo traballar conxuntamente e acadar éxito no proxecto. Tamén deberán permitir que os socios tecnolóxicos poidan aplicar o coñecemento acadado a outros interesados do mesmo ou distintos sectores económicos.

A convocatoria de axudas contempla actuacións subvencionables, tanto na demanda empresarial en solucións TIC como na resposta tecnolóxica en solucións TIC. A primeira opción está orientada para que as empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. No segundo caso, as subvencións para a resposta tecnolóxica en solucións TIC está destinada a empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación para que poidan poñer en marcha novos produtos e servizos que resolvan tarefas, problemas e situacións concretas da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.

Axuda específica para o sector TIC
A Secretaría Xeral de Modernización potenciará o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información cunha achega de 2.550.000€. Esta convocatoria contempla dúas liñas de axudas, a das capacidades TIC, para que as empresas poidan ofrecer mellores produtos e servizos apoiando a certificación en normas de calidade e axudando na formación especializada do persoal nos medios de produción e ferramentas necesarias para o desenvolvemento do seu traballo; a outra actuación subvencionable é a dos desenvolvementos TIC, para que as entidades poidan desenvolver novos produtos e servizos que sexan propiedade do solicitante e que estean suxeitos a un pago por uso, licenza e adquisición ou posterior personalización por parte de terceiros.

Esta segunda liña de axudas terá en conta aqueles novas prestacións centradas en áreas tecnolóxicas e en actuacións que redunden en beneficio dos cidadáns. No primeiro caso, as iniciativas que se presenten deberán achegar novidades nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avance na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.

Os proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC deberán orientarse aos servizos sociais e sanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.); a educación, mediante ferramentas de creación de contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe on-line, plataformas de control do alumnado na aula, ou outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vencellados á Administración.

Pódese acceder á documentación normalizada ou a información adicional sobre ambas convocatorias de axuda nesta páxina web http://imit.xunta.es, no apartado “Axudas”.

Fonte: Xunta de Galicia
COMPARTIR ESTA INFORMACIÓN Volver Volver
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Menéame
  • Google Bookmarks
  • LinkedIn
  • Live
  • MySpace
  • Technorati
  • Tipd
  • Digg
  • Yahoo
  • Twitter
 
 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a